Dudas, consultas, quejas, etc...

sábado, 21 de noviembre de 2009

A partir do vindeiro luns comezan as mobilizacións no sector do comercio e a alimentación




Os primeiros actos reivindicativos serán o 23 en almacéns de Narón e Betanzos. A partir do 24 haberá mobilizacións en tendas nas diferentes comarcas da provincia ata o día 27, data para a que está convocada unha xornada de folga.

A partir do 27, os representantes sindicais danlles ás empresas case dúas semanas para negociar e, se non atenderen as reivindicacións formuladas, prevén unha convocatoria de folga indefinida a partir do 9 de decembro.

Segundo CCOO, CIG e UGT, desde o pasado 20 de maio houbo cinco reunións entre a representación legal das e dos traballadores a as patronais. O empresariado rexeitou as reivindicacións sindicais por considerárenas «inasumibles» pola caída das vendas durante 2008.

Os sindicatos denuncian ademais que a patronal non só non acepta as peticións que lles trasladaron, senón que fan propostas regresivas, como unha suba salarial do 1% —que se o IPC resultase negativo a final de ano, deberían devolver— ou a redución do pagamento das horas extraordinarias.

Nunha conferencia de prensa unitaria que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compsotela, os voceiros dos tres sindicatos criticaron duramente os excesos de xornada. Así, ademais de insistiren no difícil que resulta lograr que os empresarios paguen as horas extras e de lembraren a proposta patronal de reducir a remuneración por elas, falaron tamén do exceso de xornada.

CCOO, CIG e UGT sinalaron que os empresarios rexeitaron implementar sistemas de control de entrada e saída que permitisen contabilizar as horas a máis que se realizan en moitos centros de traballo, de tal maneira que se puidesen impedir as xornadas laborais «abusivas». «Convénlles que os traballadores e traballadoras sigamos a facer horas e horas gratis», denunciaron.

Outras cuestións sobre as que os sindicatos centraron as súas críticas foron a prevención de riscos laborais ou os cambios normativos para a conciliación da vida familiar e laboral. «Non queren oír falar destas cousas», lamentaron.

O sector do comercio e da alimentación da provincia da Coruña conta con ao redor de 1.200 empresas e preto de 17.000 traballadores e traballadoras, a inmensa maioría mulleres.

Provincia de Pontevedra

Mañá ás 12 horas haberá conferencias de prensa unitarias de CCOO, CIG e UGT en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa para explicar o calendario de mobilizacións na provincia pontevedresa.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2009

Gabinete de Comunicación

No hay comentarios:

Publicar un comentario